
O oficio da torneiria de madeira está vencellado á nosa familia, que saibamos con certeza, dende principios do século XIX.

A FAMILIA NEIRA: TORNEiROS DENDE SEMPRE
A primeira mención fiable dun Neira que se adicara á torneiría de madeira data do 1808 e débese, curiosamente, a un fatal erro.
Nese ano as tropas napoleónicas invadiron España. Na aldea de Ulla, parroquia de Berres, un home chamado Felipe Neira (o avó do avó do noso avó) pediu axuda a un grupo de soldados que viñeron a esta aldea sen saber que estaba no lado equivocado. Os soldados franceses atrapárono e matárono no cruceiro de Cuntis. Esta historia, que permanece na tradición oral, tamén conta que este home xa era un torneiro. Sospeitamos que non foi o primeiro da saga familiar, pero non temos ningunha referencia previa.
DO SÉCULO XIX ATA HOXE
Desde entón, o oficio na nosa familia pasou de pais a fillos, algo moi común nos oficios tradicionais. A forma de traballar foise adaptando aos tempos e á evolución da maquinaria. Nun principio, o torno empregado era un torno de vara (que era similar a un tear, cunha longa varilla de madeira flexible que servía de resorte conectado a un pedal co que se xeraba o movemento), co que os torneiros de Berres traballaron ata os anos 30 do século pasado. Máis tarde e en pouco máis de 20 anos pasaron polos tornos de pedais, os hidráulicos e os eléctricos (a electricidade nun primeiro momento xeraban eles mesmos aproveitando a enerxía da auga do regueiro e de paso proporcionando electricidade ás súas casas) e os tornos copiadores. Ata a chegada destes últimos, os propios artesáns eran os que fabricaban as máquinas e as ferramentas. O noso avó viviu toda esta evolución de primeira man e contábanolo con paixón.


